VISITAS

O Castelo de Sobroso é unha xoia monumental, tan ben conservada que parece que por el non pasou o tempo. Visitalo é un plan perfecto para todos os públicos.

O innovador proxecto da Deputación de Pontevedra aposta polas novas tecnoloxías para contar a apaixonante historia do recinto e dos personaxes que habitaron nel a través dunha musealización amena e interpretativa.

O percorrido polas sete salas do museo ten unha duración de 50 minutos. Para garantir a túa praza recomendamos facer a reserva previa a través da nosa páxina web , pois a visita realízase con guía, en grupos reducidos, e cuns pases determinados.

A tarifa xeral de acceso é de 4 €, existen tarifas reducidas que podes consultar na propia web de compra ou no punto de recepción de visitantes. No despacho de billetes do castelo só se acepta tarxeta como medio de pago.

Accédese moi facilmente pola estrada N-120. Pódese chegar co coche ata practicamente a cima, onde está habilitado un pequeno aparcadoiro. Os autobuses teñen outro acceso sinalizado.

Recomendamos aproveitar a visita para percorrer a senda botánica . Grazas á Deputación de Pontevedra, as especies autóctonas recuperaron aquí o lugar que historicamente lles corresponde. O seu froito volve alimentar o bosque de Sobroso .

Hai habilitada unha zona de pícnic para que poidades pasar o día nesta magnífica contorna. Un espazo ideal para camiñar ou sentar a gozar da tranquilidade que transmite esta paisaxe histórica.