UN CASTELO DE CONTO. MITOS E LENDAS
Varias lendas rodean ao misterioso castelo de Sobroso, conservadas polo imaxinario popular da comarca, fermosos exemplos do rico patrimonio inmaterial asociado a el.
ALMANZOR E O CASTELO
Almanzor lanza no ano 997 unha expedición en Galicia, co obxectivo de chegar a Compostela. Dise que chegou a derruír boa parte do que daquela era a basílica e levou como trofeo de guerra as súas campás ata Córdoba, ás costas de prisioneiros cristiáns.
A lenda conta que nesa expedición Almanzor chegou a terras do Toroño, preto do castelo de Sobroso e decidiu enviar un destacamento do exército capitaneado por Abd-O Krim coa misión de inspeccionar o castelo e ver a maneira de atacalo, mentres o resto de soldados descansaban non moi lonxe.
Pero tal era a fama que alcanzara Almanzor naquela viaxe que tanto os veciños como os donos do castelo fuxiran e Abd-O Krim puido ocupar o castelo sen resistencia. Unha vez instalado mandou aviso a Almanzor e baleirou as despensas, preparando unha gran festa para recibir ao seu líder.
Había pola zona un esmoleiro cego que de cando en vez subía ao castelo para entreter aos señores e que descoñecía que Sobroso estaba en mans dos sarracenos. Ascendía entón pola ladeira do monte Landín, anunciándose co ruído da súa zanfona e entoando unha vella cantiga. Abd-O Krim escoitou aquel queixume doce e pausado e sorprendeuse.
A aparente indiferenza do cego no seu pausado camiñar fíxolle ferver o sangue. Considerando a actitude do esmoleiro como un insulto e a súa música unha burla, cortoulle as mans coa súa cimitarra e logo degolouno, tirando o corpo para seguir cos preparativos da festa.
O caudillo chegou pola noite a Sobroso e comezou o festín. Pero, no medio das festividades, o vento comezou a arrastrar un queixume doce e pausado entre as almeas que fixo que o xentío enmudecese. Almanzor viu aos seus soldados tan afectados que deseguido mandou que fixeran parar ese ruído, pero o son da zanfona seguía retumbando no ar mentres os soldados calaban.
Abd-O Krim, de xeonllos, explicou o que sucedera esa tarde: que aparecera un cristián tocando un instrumento, que el mesmo cortoulle as mans e o pescozo e que tiraron o seu cadáver ao pé das murallas. O xefe do exército ordenou que se buscase ao novo trobador e que se repetise o castigo, pero os soldados non puideron atopar a ninguén.
Almanzor pediu ver o corpo do esmoleiro cego e, acompañado dun grupo de soldados, foi ata o lugar ao que o lanzaran. Ao chegar, o son da zanfona fíxose moito máis forte e o queixume máis triste. O propio Almanzor puido ver, a uns poucos metros do corpo, o instrumento flotando maxicamente xunto coas mans cortadas do cego, que o estaban a tocar.
Aínda contan no pobo que cando Galicia está a piques de sufrir algunha traxedia pódese escoitar no ar a triste melodía do cego e a súa zanfona, mentres toca a súa canción.
A VODA REAL
Cóntase que o castelo de Sobroso puido ser o lugar escollido para os esponsais da infanta Isabel de Aragón, filla do rei Pedro III co famoso Diniz de Portugal, o rei trobador.
En 1282, a que sería coñecida como “A Rainha Santa” estaba a piques de casar con Don Diniz de Portugal. Pero ao estar tanto Aragón como o reino luso en clara disputa coa Santa Sé, estes esponsais debían levarse a cabo á marxe de Roma e nunha praza segura.
Os aragoneses enfureceran a Roma ao reclamar a coroa de Sicilia que ofrecera o Papa Inocencio IV a Carlos de Anjou. Pola súa banda, o rei portugués gañouse a inimizade do clero ao reprimir as supostas intromisións da Igrexa no seu reino.
Foi neste contexto onde, segundo a lenda, deuse a ben elixir o castelo de Sobroso como lugar neutral idóneo para a celebración dos esponsais. Dise que o emprazamento exacto sería a capela existente no lugar de Troncoso en Santa Baia de Mondariz, hoxe a vila de Mondariz-Balneario.
Alí, a parella real acompañada dun séquito de abades, infantes, fidalgos e soldados de ámbolos países celebrarían o seu lazo de unión.
Da “Rainha Santa”, como coñecen os portugueses a Santa Isabel, existen tamén outros mitos, como o que nos di que cando o rei trobador, Don Diniz, reprocháballe a súa xenerosidade dicíndolle que con tanta esmola ía arruinar os bens da coroa, aquelas esmolas transformábanse en rosas, co que cesaban os reproches do seu marido. É por este motivo que os escultores da súa venerada imaxe preséntana cun feixe de rosas entre as súas mans. Así pódese contemplar actualmente nos salóns da fortaleza sobroseña.
Dise tamén que a raíña fixo varias viaxes nas terras do Sobroso, facendo en todas elas un alto na súa peregrinación e visitando o castelo; visitou dúas veces o sepulcro de Santiago en Compostela con motivo do Xubileu e doou valiosos agasallos que aínda se poden admirar na sala do tesouro da catedral e outro que se atopa no santuario da Nosa Señora da Franqueira.