As visitas son sempre guiadas? Pode realizarse unha visita por libre?
Non é posible visitar o castelo sen guía.
A visita ao castelo de Sobroso é sempre guiada e ten unha duración aproximada de 50 a 60 min, cun máximo de 15 prazas por sesión, na que se realiza un percorrido pola súa historia desde múltiples perspectivas. As diferentes salas contan con elementos audiovisuais que transforman os espazos mediante imaxes, iluminación e son, o que converte a visita á fortaleza nunha experiencia multisensorial.
Pódense visitar as sendas e as zonas recreativas do eido do castelo por libre ou este debe estar aberto?
Ao eido pódese acceder desde as 10 da mañá ata a hora de peche do castelo pola tarde (18 h no inverno e 20 h no verán), polo que se pode permanecer nel e visitar a senda botánica ou utilizar as zonas recreativas nese horario, mesmo cando o castelo está pechado ao mediodía.
Como se accede ao castelo?
Pódese acceder en vehículo particular, a través do portal da entrada principal; seguindo a estrada chégase ao aparcadoiro para turismos.
No caso de autobuses, o acceso é por unha estrada paralela ao eido do castelo seguindo as indicacións de aparcadoiro para estes vehículos. Dispoñen dunha zona de estacionamento fronte á entrada peonil. O acceso é polo camiño empedrado e deseguido débese subir a rampla para acceder á fortaleza.
Desde o aparcadoiro son 5 minutos a pé.
É necesario realizar unha reserva para visitar o castelo?
Recoméndase adquirir as entradas con antelación, xa que as visitas contan con capacidade limitada. O proceso non leva máis de cinco minutos e realízase a través da nosa web (https://castelodesobroso.sacatuentrada.es/). As entradas recíbense ao momento no correo electrónico e non é necesario imprimilas, basta con ensinalas desde o móbil.
En caso de grupos organizados é obrigatorio reservar.
Cal é o horario?
Pódense consultar os nosos horarios en: https://www.castelodesobroso.com/gl/horarios
O último pase ten lugar unha hora antes do peche.
Que prezo ten a entrada ao castelo?
A Ordenanza reguladora da taxa polos servizos que se prestan no castelo de Sobroso indica as tarifas correspondentes.
Tamén se poden consultar na propia web de compra ou directamente no despacho de billetes.
Cales son os días de entrada gratuíta?
- 18 de maio, Día dos Museos
- Domingo de Corpus Christi
- 25 de xullo, Día de Galicia
- 27 de setembro, Día Mundial do Turismo
Como se obteñen as entradas para os días de acceso gratuíto?
Do mesmo xeito que para calquera outro día. Pódense adquirir directamente no despacho de billetes do castelo, pero recoméndase reservar as entradas con antelación a través da web ou por teléfono, xa que as visitas contan con capacidade limitada.
Hai visitas especiais para colexios?
Os grupos de escolares e os seus docentes poderán acceder ás visitas do castelo de Sobroso de maneira totalmente gratuíta. Debido a que a capacidade máxima por sala é de 15 persoas, o total sairía cada 15 minutos repartido en grupos de 14 alumnas ou alumnos que deben ir acompañados dunha ou dun docente. O grupo máximo admitido por xornada é de 60 persoas.
É necesario realizar a reserva a través do correo electrónico.
Que necesito saber para organizar a visita cun grupo?
En caso de grupos organizados a reserva é obrigatoria.
O total repartiríase en grupos de 15 persoas que sairían alternativamente cada 15 minutos. O grupo máximo admitido por xornada é de 60 persoas.
Hai actividades para familias?
Segundo a época do ano organízanse diferentes actividades desde a Deputación de Pontevedra. Pódese comprobar a programación na páxina web: https://www.depo.gal/es/
Como podo estar ao día das novidades?
A mellor forma é seguir as redes sociais de Turismo Rías Baixas en Facebook, X ou Instagram.
O museo é accesible para persoas en cadeira de rodas?
O interior do castelo presenta barreiras arquitectónicas, polo que non é accesible. Ata a entrada principal do castelo si é posible acceder xa que conta con rampla.
O mostrador de atención ao público dispón de bucle magnético?
Non.
Pódese acceder con mascotas?
Si, pero unicamente ao exterior do castelo e ao eido, por suposto sempre suxeitos con correa. É conveniente lembrar que non existen papeleiras.