A FORTALEZA
Un castelo, outrora en ruínas e agora estreando unha imaxe renovada, rodeado de exuberante vexetación e unha paisaxe única sobre o cal Emilia Pardo Bazán, que se consideraba descubridora das súas antigas ruínas, dixo: “Sobroso é un castelo de guerra, o torreón de defensa que domina a comarca e outea, desde as súas fiestras, dilatado treito de país. No seu dobre reduto, á calor do sol, crecen en densa matogueira simbólicos loureiros. Desde as xanelas, colgadas por falta de piso, domínase a máis maxestosa paisaxe, as lonxanías de montaña, que xa son Portugal”.
A imaxe que presenta hoxe o castelo é ben distinta, grazas ás diferentes intervencións que sufriu desde o século XX. A última delas, emprendida pola Deputación de Pontevedra, permitiu ao castelo lucir un aspecto similar ao que tivo cando era chamado “a chave forte do Reino de Galicia”. Para o viaxeiro que atravese a estrada de Ourense a Vigo, a tan só 7 km de Ponteareas, o castelo alzarase maxestoso sobre o seu promontorio, lembrando os violentos tempos nos que fortalezas como esta salpicaban a paisaxe, escenarios da loita señorial polo control do territorio.
O castelo de Sobroso ocupa un destacado lugar sobre un promontorio rochoso a media ladeira, orientada ao Leste, do monte Landín. Eríxese nun amplo anfiteatro en semicírculo centrado no propio castelo e cun radio de entre 8 e 12 km.
Existen moi poucos restos conservados da primeira fortificación románica. Posiblemente tratásese dunha construción sinxela formada por unha torre principal rodeada dunha muralla e por un foso defensivo. Esta fortaleza, destruída na Gran Guerra Irmandiña, reconstruíuse posteriormente a finais do século XV. Conservou a forma ovalada e irregular da cerca exterior. A muralla reforzouse cunha torreta cadrada no ángulo noroeste e gañouse espazo na esquina sueste facendo saír a muralla, flanqueando con dous redentes os lenzos sur e leste, onde se atopan agora as entradas.
A fortaleza sufriu un importante declive e non se alzaría de novo ata as intervencións de Alejo Carrera no primeiro lugar e do Concello de Ponteareas máis tarde (1981).
Actualmente componse dunha cerca exterior, o corpo residencial e a torre da homenaxe. Tres estruturas graduadas que fan que teña un aspecto impoñente.
O muro exterior ten un espesor de entre un e dous metros e o seu perímetro non supera os 140 metros. O pouco espazo que hai entre o muro e o corpo residencial non permite manter unha boa gornición con cabalaría. O lado norte conserva o trazado curvo orixinal, pero o resto do perímetro ten forma poligonal, con redentes e unha torreta cadrada para flanquear ou bater os lenzos dos muros. Ten catro troneiras polos lados oeste e sur, onde o acceso é máis doado. Aínda que o foso é de pouca magnitude, o camiño estreito e longo que hai que percorrer para acceder á muralla servía coma unha eficiente protección.
O corpo residencial do castelo posúe uns muros de case dous metros de espesor e un trazado poligonal pero irregular, que se adapta aos penedos presentes na súa contorna. Das dúas plantas que posúe, a baixa ten unha natureza defensiva con nove troneiras no exterior para defenderse dos atacantes. O piso superior dispón de fiestras engargoladas ao exterior.
Os torreóns cilíndricos que flanquean a porta de entrada son macizos na súa base para fortalecelos fronte ao minado dos inimigos.
A torre da homenaxe, que se alza no lado oeste, ten 12 metros de longo e 7 de ancho. A súa planta é rectangular e non excede os 13 metros. A porta de entrada, ao sur, ten un arco de medio punto sobre o que se sitúan dous escudos: o dos Sarmiento e outro indescifrable. No alto da mesma sitúanse catro garitas circulares, postos de vixilancia (posiblemente cunha cuberta cónica). Así mesmo, posúe un parapeto e un matacán, dous elementos defensivos máis que sumar a esta robusta construción. O cara noroeste, a máis vulnerable, posúe varias seteiras. Nos perpiaños do interior da torre aparecen múltiples signos lapidarios como tenaces, tesoiras, etc. Algúns son idénticos aos que aparecen no castelo de Soutomaior.