MUSEALIZACIÓN

Un castelo de personaxes, secretos e lendas que ten moito que contar. Un castelo que escribe unha nova páxina da súa historia e da que podes ser parte.

A través desta musealización, a Deputación de Pontevedra trata de poñer en valor o monumento desde distintos puntos de vista: como fito do control do territorio e integrado na paisaxe, como elemento arquitectónico con función militar, como un inmoble coa súa propia historia, con transformacións e cambio de funcións, pero tamén como espazo de residencia de persoas anónimas e de personaxes históricos. Con esta diversidade de perspectivas conséguese contar distintas historias dentro dunha mesma historia, a do Castelo de Sobroso.

Espazos experienciais.

  1. Sobroso na paisaxe

O castelo de Sobroso, localízase nun lugar estratéxico dominando o territorio e a paisaxe que o rodea, controlando as principais vías de comunicación e o río Miño, fronteira natural con Portugal. Isto o convirte nun punto clave na Idade Media e Moderna que non escapará ó desexo de control.

O seu nome provén do latín e fai referencia a antiga existencia dun bosque de sobreiras (Quercus suber) que rodeaba o castelo e que foi escenario de historias e lendas que envolven o castelo de misterio.

A comarca na que se atopa é un espazo habitado desde “o tempo das mouras” no que montes, vales e bosques conservan un rico patrimonio cultural e natural. Antigos poboados como o castro de Chans ou o castro de Troña ou incluso sobre o que parece que se constrúe o castelo, petróglifos, mosteiros medievais como o de A Franqueira, balnearios con saudables augas termais como o de Mondariz, pedras rodeadas de lendas como a Pena dos Namorados, praias e sendas fluviais para desfrutar da natureza e a paisaxe.

  1. A historia do Castelo e os seus habitantes

O aspecto actual do castelo é froito da súa última reforma no século XX, pero con toda seguridade esta fortaleza modificou o seu aspecto desde a súa fundación e sufriu moitas destrucións e tamén remodelacións. A súa aparencia orixinal debeu ser a dunha gran torre, cunha muralla e un amplo patio de armas.

Como un bo número de edificacións medievais de Galicia descoñecemos a súa data exacta de construción; é controvertida. A primeira referencia escrita é do século XI e en 1117 a raíña Urraca será cercada aquí, polo que con toda seguridade a súa fecha de fundación é anterior a este momento.

Tras gozar de gran protagonismo durante a Idade Media é asediado e destruído en 1467 polos Irmandiños que incendiaron, arrasaron e saquearon máis de 3.000 castelos galegos. Desde mediados do século XVII irase convertendo progresivamente nunha ruína e nos séculos seguintes irá cambiando de mans en varias ocasións. Non será ata 1923 cando Alejo Carrera Muñoz compre o castelo e invista gran parte da súa fortuna na súa reconstrución.

O castelo era o escenario onde discorría a vida cotiá da familia propietaria do castelo, pero tamén do servizo que traballaba nel como serventes, ferreiros ou canteiros. O día a día de todos estes oficios tamén forma parte da súa historia e permitiu que o castelo funcionase e tivese vida. Actividades como cociñar, ir a por auga para beber ou ó mercado a por viandas, fabricar armas ou mesmo traballar as pedras para construír ou reparar o castelo son esenciais para o bo funcionamento e a prosperidade dun castelo.

  1. O castelo, protagonista na Idade Media

A época de esplendor do castelo é a Idade Media, onde foi acubillo de personaxes ilustres, como así o recolle a documentación histórica, aínda que o seu paso está rodeado de mitos e lendas.

A presenza da raíña Urraca está documentada na Historia Compostelá que a sitúa aquí no marco da guerra civil entre os seus partidarios e os do seu fillo, Alfonso VII. Foi cercada no castelo, do que consegue fuxir, segundo a lenda, por un pasadizo secreto que conducía ó río Tea.

O paso da raíña Isabel de Aragón, tamén documentado historicamente, está rodeado de misterios e lendas. A lenda nos fala da súa voda no castelo con Dinis de Portugal, o rei trobador, aínda que é probable que esta raíña, xa viúva, se resgardase no castelo polo menos dúas veces no seu camiño de peregrinación a Santiago de Compostela.

  1. O castelo, da destrución á recuperación

Trala etapa de esplendor medieval o castelo entra en progresiva decadencia, culminando nun estado de ruína e abandono no século XIX. Así está cando Emilia Pardo Bazán o visita en 1873 e escribe un artigo sobre elo. Poucos anos despois, en 1898, Isaac Peral se fotografía entre os muros destruídos e abandonados.

En 1923, Alejo Carrera Muñoz, destacado periodista nado en Vilasobroso, merca o castelo ao Conde de Torrecedeira. O castelo inicia así unha nova etapa na que rexorde do esquecemento, grazas ó investimento dunha importante parte da súa fortuna e ó cumprimento do soño que tiña desde neno de recuperar o castelo do seu pobo. Baixo a dirección do seu novo propietario, que se autoproclamou señor de Sobroso, traballaron na restauración mestres canteiros veciños de Vilasobroso.

Alejo dá vida de novo ó castelo e organiza actividades culturais e literarias entre as que destacan as da Noite de San Xoán ou a representación de obras teatrais clásicas nas que se reunía un importante número de expoñentes da intelectualidade galega do momento.

Ademais, o castelo estaba aberto ás visitas do incipiente turismo da zona, en moitos casos procedente do veciño balneario de Mondariz.

  1. Os seres máxicos e a auga

Este espazo da torre do castelo garda algúns segredos e habitantes misteriosos. Nel protexíase o alxibe, que garantía o aprovisionamento de auga aos seus habitantes, pero tamén agocha misteriosas lendas e seres máxicos cos que a realidade e a ficción se mesturan. Son lendas de tradición oral transmitidas de xeración en xeración que xorden no pasado remoto e perviven co paso do tempo, que as vai tinxindo de compoñentes máxicos ou sobrenaturais.

No bosque que rodea o castelo vive un trasno que pasa todo o día entre as árbores e na Noite de San Xoán voa polo bosque adoptando a forma de paxaro de alas prateadas.

Este bosque misterioso tamén é o escenario da tráxica historia de amor de Floralba e o peregrino, condenados por amor a vagar eternamente ao redor do castelo.

A Pena dos Namorados, lugar de encontro entre dous amantes, tamén nos fala dun amor prohibido cun tráxico final. Na escuridade da noite aínda é posible escoitar o pranto de Aldina, encerrada na torre do castelo, pola morte do seu namorado.

  1. A construción do castelo

A construción deste castelo foi un proceso construtivo complexo que requiriu dun esforzo importante. Tarefas complexas como a elección da localización, a definición da arquitectura militar ou a busca dunha canteira próxima esixían a participación de diferentes oficios e persoal especializado baixo un único mando.

O material, fundamentalmente pedra, e os traballadores eran imprescindibles para afrontar tal proxecto. Estes traballadores eran os canteiros, un gremio recoñecido e fundamental para o desenrolo deste traballo, deixaron a súa marca visible nos muros do castelo. Trátase de símbolos e signos gravados co seu cicel ou buril que fan referencia á súa extracción do medio natural, ao seu labrado e á súa colocación na edificación para identificar o traballo realizado.

  1. Os castelos, escenarios de trobadores

Este apousento era a residencia do señor e da súa familia. A cheminea e os parladoiros suxírennos que neste espazo se celebraban reunións de entretemento e música. Os trobadores eran os encargados de amenizar estas veladas coas súas composicións musicais, preferentemente de amor e desamor.

Martín Códax e o rei Dinis de Portugal, coñecido como o rei trobador, foron dous referentes da poesía trobadoresca galaico-portuguesa.

A obra de Martín Códax é a más coñecida e difundida da lírica galaico-portuguesa. Compuxo sete cantigas de amigo que conservan a súa anotación musical tal e como eran cantadas no seu tempo grazas ó achado do pergamiño Vindel en 1914.

As cantigas de amigo e de amor, características da lírica galaico-portuguesa, son composicións amorosas, unhas desde a visión dunha dama que estraña, busca ou se ilusiona co seu namorado e outras, máis cortesás, nas que é o amado quen canta á súa namorada e tratan o amor non correspondido.

  1. O miradoiro do castelo

Desde o alto da torre da homenaxe se controla un área de máis de trinta quilómetros de distancia. Un auténtico miradoiro sobre o territorio e a paisaxe dunha parte da provincia de Pontevedra e máis aló do río Miño, acadando o país veciño de Portugal.