Historia

O castelo de Sobroso construíuse coa intención de controlar, nun espazo con gran dominio visual e de difícil acceso, un punto esencial nas comunicacións entre as terras do interior cara ao mar e a cidade de Tui. Formaba parte dun sistema defensivo que, xunto con outras fortalezas como Soutomaior, Tebra ou a Torre de Fornelos, protexían a medieval “terra de Toroño” ou “ Turonium” que comprendía o territorio de reguengo no bispado tudense.

Atópase situado dentro do termo parroquial de Vilasobroso, antigamente chamado San Martiño de Portela, parte do Concello de Mondariz. O seu nome evócanos as sobreiras que había no seu solar e que envolvían o castelo en misterio, contribuíndo sen dúbida ao importante número de lendas do que é escenario e protagonista.

Como cun bo número de edificacións medievais de Galicia, non temos seguridade sobre a data de orixe do castelo de Sobroso. Existe unha referencia documental de 1095 na que os condes de Galicia, Dona Urraca e Don Raimundo de Borgoña, terían concedido o señorío á cidade de Tui, aínda que se trata dunha interpretación discutida.

Temos noticias máis firmes da súa existencia no século XII.

A Historia Compostelá, que narra os acontecementos do primeiro bispo de Santiago, Diego Gelmírez, conta como arredor do ano 1117 cercaron á raíña Dona Urraca no castelo. A súa propia irmá, Dona Teresa de Portugal, xunto con Don Pedro Froilaz, conde de Traba, cercan o Sobroso e forzan á raíña a fuxir a León. Conta a lenda que a raíña puido escapar a través dun túnel subterráneo que desembocaba no río Tea. Este acontecemento, enmarcado na loita polo trono da raíña co seu propio fillo, o futuro Alfonso VII, é un dos episodios máis destacados da historia do castelo, pero non é o único.

Os Traba, liñaxe de Don Pedro Froilaz, eran altos nobres galegos dos séculos XII e XIII. Representaban a Galicia no reino castelán-leonés como condes de Galicia, polo que posuían varias prazas fortes na rexión, entre as que figuraba o Sobroso.

Os Castro tomáronlles o relevo a comezos do século XIV.

Con todo, coa batalla de Porto de Bois en Baiona (1371), Pedro Ruiz Sarmiento xunto con Pedro Manrique venceron a Fernando de Castro, partidario de Pedro I en contra de Henrique II de Trastámara, ao que estes primeiros apoiaban. Así foi como a familia Sarmiento rematou por instalarse definitivamente en Galicia. Comezaba así o ascenso ao poder dunha liñaxe que se fixo co Señorío de Ribadavia e co control da comarca que se coñecería como Salvaterra. Tamén serían señores de Sobroso desde 1379 e marcarían como ningunha outra familia o destino desta fortaleza, que nese momento era cabeza dunha ampla xurisdición.

Así comezarían os numerosos conflitos entre os Sarmiento e os Sotomayor: dúas das principais familias que se disputaban o sur de Galicia. Matrimonios, preitos, duelos e mortes nunha loita dinástica da cal conservamos episodios pintorescos, como o que conta que Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro Madruga) apresou a García Sarmiento, señor de Sobroso, e coa súa espada contra o pescozo do reo, esixiu a rendición da fortaleza sen éxito.

O castelo pasaría dunhas mans a outras nesta época tan conflitiva, marcada pola loita intestina dos nobres polo control do poder ata a pacificación de Galicia levada a cabo polos Reis Católicos.

Destruírono e reconstruírono tras a Gran Guerra Irmandiña e, co tempo, o castelo perdería a súa importancia defensiva e pasaría a empregarse como residencia dos Sarmiento (convertidos en marqueses de Sobroso en 1625) ata o século XVII, cando o abandonaron e comeza a converterse lentamente nunha ruína. Así o coñecería a condesa de Pardo Bazán.

O abandono orixínase cando, no século XVII, os principais representantes da nobreza galega comezan a abandonar os seus castelos para vivir na corte, onde podían influír máis facilmente na política e o rei. Así, o castelo pasa a estar en control de meiriños, que lentamente ven o seu control do territorio fragmentarse ao tempo que as edificacións da fortaleza vanse abandonando ata a súa ruína no século XIX.

Esta situación dura ata que o seu último dono, Alejo Carrera, oriúndo de Vilasobroso, comprouno de mans do conde de Torrecedeira en 1923 e fai da súa reconstrución a empresa da súa vida. Este importante xornalista, político e filántropo sería o último señor do castelo. Pero a historia deste incrible monumento non pasa só polos seus donos e polos personaxes célebres que o ocuparon, senón tamén por todas aquelas persoas que viviron ou traballaron nel, como os canteiros, as cociñeiras, serventes, soldados, trobadores… e quen sabe se ata mouras e trasnos.