O Bosque
O empeño humano e a forza da natureza uníronse para crear este bosque cheo de lembranzas.
O Castelo de Sobroso é un dos recunchos máis especiais da provincia de Pontevedra, non só polo excelente estado de conservación do propio monumento, senón tamén pola beleza da súa contorna. Atópase ocupando unha extensión de 30 hectáreas no monte Landín, a 334 metros sobre o nivel do mar.
Construído nun lugar moi rochoso destaca historicamente polas súas excelentes comunicacións que lle valeron o sobrenome de Chave Forte do Antigo Reino de Galicia. Como firme gardián do Val do Condado, conta ademais cunha privilexiada situación que lle facilitaba a súa vixilancia no medievo. Esta funcionalidade de defensa do territorio deriva nun gran atractivo para os visitantes que, desde os seus muros, poden gozar de toda unha secuencia de panorámicas e impresionantes vistas.
O norte da parroquia está bañado polo Río Xabriña, afluente do Tea que desemboca á súa vez no Miño, xa en terras de Salvaterra. Este curso de augas doces e claras provoca, en ocasións, que unha densa néboa envolva o castelo en maxia e misterio.
A Deputación de Pontevedra fixo un espectacular traballo de posta en valor do patrimonio cultural e natural deste singular enclave. Chamado antigamente Soveroso polas sobreiras que existían no val, ese bosque sufriu durante décadas por ser cuberto de acacias e eucaliptos ata que a Deputación propúxose a renaturalización dos terreos.
A eliminación de especies invasoras e o importante labor de reforestación permitiron que o parque recupere a súa esencia, restaurando as formas e cores familiares das nosas especies autóctonas. Un proxecto que evoluciona con continuas melloras e un constante mantemento para evitar os posibles rebrotes. O resultado do esforzo conxunto é un precioso xardín onde perderse, facer fotos ou simplemente contemplar a beleza deste bosque atlántico.
Para ensinar os seus principais recursos, deseñouse unha senda circular de 1 km de distancia. É ideal para un público familiar que, como un quebracabezas de sete pezas, debulla as bases da simbiose do bosque a través de paneis tecnolóxicos.
No bosque non faltan as especies ornamentais que combinan perfectamente coa flora e fauna local, contribuíndo a embelecer unha contorna xa de seu espectacular. Elegantes abetos de Douglas e maxestosos alcanforeiros forman parte da paisaxe. Á súa sombra, poderás descubrir auténticas obras de enxeñaría artesanal; o hórreo e o pombal cóntannos tamén parte da historia do lugar. Este patrimonio etnográfico, mostra de resistencia e identidade, estaba integrado na vida cotiá dos habitantes do castelo.
Como non podía ser doutra maneira, “a nosa flor” tamén está presente na senda, unha nova plantación de camelias acompáñanos no percorrido e dá a nota de cor aos invernos de Sobroso.
Os días de verán é moi sinxelo observar numerosas especies de bolboretas e réptiles que aproveitan a perfecta orientación de Sobroso para recibir o sol. Mesmo se prestamos atención podemos ver algún esquío correndo entre as ramas de castiñeiros e carballos. Conservar o noso patrimonio forestal é outra forma de manter viva a cultura.