ALEJO CARRERA MUÑOZ, ÚLTIMO SEÑOR DE SOBROSO
Naceu o 17 de febreiro de 1893 en Vilasobroso, que daquela aínda se chamaba San Martiño da Portela, a tres quilómetros de Mondariz-Balneario. O seu pai, Manuel E. Carrera, era natural de Ponteareas e a súa nai, Rosa Muñoz Vázquez, de Vilasobroso.
Pasou a súa infancia moi vinculado ás ruínas do castelo de Sobroso. O seu pai, que facía ás veces de educador, sometíao a unha forte disciplina física e moral. Polas mañás ascendían ata máis alá do castelo polo monte Landín, onde almorzaban á beira dunha fonte e Alejo escoitaba as leccións do seu pai.
En ocasións tamén pasaban o tempo entre as pedras do Sobroso e alí escoitaba de boca do seu pai as lendas e historias do castelo e a súa importancia na Idade Media para Galicia.
Por insistencia propia comezou a traballar á tenra idade de 11 anos nun serradoiro mecánico, cunha xornada de 11 ou 12 horas por tan só unha peseta diaria. Foi o seu pai que lle suxeriu este traballo coa intención de disuadir ao raparigo de abandonar os seus estudos, pero non produciu efecto. O mozo mantívose por máis dun ano traballando. Cando tiña 12 anos conseguiu un traballo como auxiliar de bibliotecario no Gran Hotel de Peinador, no balneario de Mondariz. Repetiu como bibliotecario nos veráns de 1906 e 1907, aproveitando para ler profusamente.
Co pretexto de ter un parente residindo en Lisboa, puido conseguir o permiso do seu pai para mudarse á capital lusa o 16 de outubro de 1907, con tan só 14 anos de idade.
Alí desempeñou labores de xestoría (redactar cartas, documentos privados…) para os habitantes da colonia galega de Lisboa e comezou o seu labor xornalístico colaborando co xornal “O Tea”, publicado en Ponteareas, desde os 15 anos. Neste xornal publicou en 1911 unha crónica dedicada ao castelo de Sobroso con motivo da visita de varios xornalistas ingleses, amosando un amplo interese pola restauración do castelo xa con 18 anos de idade.
O 20 de marzo de 1910 regresa a Galicia por barco e permanece co seu pai, que daquela xa tiña case 80 anos. Durante esta estancia, o fundador do balneario, Don Enrique Peinador Vela, convidou a Alejo a pasar unha tempada no Gran Hotel á fronte da biblioteca, oferta que este aceptou gustosamente.
En setembro do mesmo ano viaxa a Madrid, desexoso de coñecer a capital, aceptando alí o cargo de secretario do Barón do Sacro Lirio. Volveu a Vilasobroso en 1911 para pasar alí unha tempada e volveu despois a Lisboa, lugar onde se establece definitivamente.
Durante o seguinte cuarto de século desenvolve alí o labor máis intenso da súa vida como correspondente de xornais e axencias telegráficas. No desenvolvemento desta profesión obtén simpatías en centros oficiais, embaixadas e nos faladoiros onde se reúnen artistas, xornalistas e escritores. Convídaselle a actos e viaxes de todo tipo e, en xeral, obtén un recoñecemento crecente.
Casa con Adelaida Amaral Ferreira o 31 de Julio de 1919, unión da que naceu a súa única filla, Zita Teresa Carrera Ferreira o 17 de xuño de 1920.
O 26 de maio de 1916, con 23 anos, foi nomeado socio adxunto da Real Academia Galega da Lingua, sendo o presidente da mesma Don Manuel Murguía e Don Eugenio Carrel o secretario.
Funda ao tempo a división portuguesa da Axencia Radio de telegrafía e organiza simultaneamente unha entidade comercial distribuidora de xornais, revistas e libros de gran éxito.
Foi correspondente de xornais como “El Mundo”, “El Imparcial”, “El Pobo Gallego”, “El Sol” ou “El faro de Vigo” e fundou o xornal “El Sobroso” (xornal da República), que se publicou durante tres anos consecutivos, de 1931 a 1933. O seu labor xornalístico foi moi frutífero co que colleitou non poucos méritos.
Tamén desenvolveu unha máis que interesante carreira política sendo o primeiro alcalde pedáneo da entidade local menor de Vilasobroso en 1924, que cambiou o seu nome de San Martiño da Portela á súa instancia. Ingresou no Partido Republicano Radical e converteuse no primeiro alcalde republicano de Mondariz en 1931, aínda que o destituíron en maio dese mesmo ano.
Comprou o castelo de Sobroso en 1923 e comezou o inxente labor de restauración do mesmo con mestres canteiros da comarca, labor que sería a obra da súa vida.
O propósito firme de adquirilo xurdiu polo ano 1920 cando contaba con 27 anos de idade, momento en que iniciou negociacións co Conde de Torrecedeira, que por entón era o seu propietario. Estas duraron máis de dous anos, ata que ao final o Conde concedeu vendelo por 5.000 pesetas o día 28 de agosto de 1923.
Un incipiente xornalista foi capaz de comprar todo un castelo coas súas asignacións persoais como correspondente.
Desde este momento o Sobroso foi a obsesión persoal de Alejo, na cal investiu enormes sumas de diñeiro. Ampliou o eido que rodea o castelo con máis de 250 parcelas de terreo lindeiro, cunha extensión total duns 300.000 metros cadrados, e repoboouno con máis de 200.000 especies forestais diferentes. Tamén construíu unha estrada de quilómetro e medio e unha ponte para permitir o acceso ao castelo en automóbil.